Sunday 05 de May de 2024

A I Regata de Kaiak de Mar Concello de Miño, un éxito de organización grazas ao exhaustivo protocolo COVID implementado


Foron moitos os veciños e veciñas de Miño que se situaron hoxe, domingo 25 de outubro, ao longo de todo o litoral do municipio para gozar da I Regata de Kaiak de Mar Concello de Miño que foi todo un éxito de organización grazas ao exhaustivo protocolo COVID deseñado e implementado polo Club Deportivo Náutico de Miño en colaboración coa concellería de Deportes.

Na proba participaron 137 deportistas de todo Galicia e outras zonas como Asturias, Castela e León.. especialistas en Kaiak de Mar, Surfski e Pádel Surf, atraídos pola “Onda Longa” que se forma nas costas do municipio e considérase a onda máis longa de Galicia. Tamén se contou coa presenza de Carlos Pérez Rial, campión olímpico en Pequín e Walter Bouzan, campión de Europa.

Os/ as deportistas debían chegar ao illote Carboeira situado na praia de Perbes e bordealo, para coller as correntes que entran na Ría de Betanzos e terminar o circuíto na Praia Grande de Miño.
A primeira saída foi ás 10:00 da mañá, cun percorrido de 12.000 metros, a segunda saída foi ás 11:30, para as categorías inferiores, que se disputou sobre 5.000 metros.
En clave local, por parte do Club Náutico de Miño, o mellor resultado conseguiuse na categoría mixta ‘CADETE K-2 Mixto Sprinter 5000’ na que lograron a medalla de ouro Carmen Anido Mosquera e Unai Quinteiro Couce. Ademais, en categoría masculina ‘ SENIOR K-1 Tradicional 15000’ a prata foi para Rubén Álvarez Purriños, e na categoría feminina ‘XUVENIL K-1 Sprinter 15000’ Sandra Vidal Leira tamén conseguiu a prata.
Ao finalizar o evento, os deportistas e os seus familiares puideron gozar dun menú especial ofrecido por varios establecementos da Asociación de Empresarios, que colabora co evento e agasallou aos participantes cun reconstituyente ao final do percorrido.
O concelleiro de Deportes, José Manuel Pantín Morado, destacou que “o club de Miño e o Concello de Miño son un exemplo en organizar este tipo de eventos de piragüismo náutico dunha forma segura, como xa se fixo este verán coa regata provincial” e engadiu que “o Concello aposta polo deporte e por fomentar o turismo, desestacionalizando grazas a este tipo de eventos ao longo de todo o ano”.
A entrega de premios correu a cargo do alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, o concelleiro de Deportes, e a presidenta do Club Náutico de Miño, Teresa Oujo.